“Barriga Verde, de Feira en Feira” é o nome da exposición que O Galo visitará o vindeiro sábado 10 de Xaneiro de 2015 ás 12h no Museo do Pobo Galego, guiados pola Asociación Cultural Morreu O Demo, organizadora da exposición. Faremos así unha das últimas visitas a esta mostra que se poderá visitar ata o día 11 de xaneiro
Contents
Barriga Verde, de Feira en Feira
A exposición “Barriga Verde, de Feira en Feira” é o resultado de máis dun ano de traballo da Asociación Cultural Morreu O Demo, nacida co obxectivo de recuperar este patrimonio inmaterial da nosa cultura que é mundo dos títeres. Da web desta asociación recollemos o seguinte extracto que explica moi ben o que imos atopar:
O proxecto pretende mergullar os visitantes no fantástico mundo no que naceu Barriga Verde, o último monicreque popular galego, que difundiu por todo o país expresións como “Morreu o Demo, acabouse a peseta”. Ao longo das salas da mostra proponse un percurso polo mundo no que se desenvolveu este espectáculo, o das feiras tradicionais, acontecemento festivo por excelencia en Galicia até a década de 1960. Do mesmo xeito, condúcenos pola tramoia da barraca para coñecer os segredos dos titiriteiros que fixeron posíbel a maxia destes títeres até a súa desaparición, case ao mesmo tempo que aquelas feiras que aínda lembran os nosos maiores, de cando o cinema e a televisión aínda non eran as principais fábricas de soños. Para facilitar a inmersión neste mundo, a mostra reproduce diferentes postos de venda e entretementos dos habituais nestes eventos. Xogos como o pimpampum ou o péndulo están dispoñibles para que os asistentes proben a súa habilidade. Tamén hai habilitado un set fotográfico e mais un pequeno teatro de títeres os visitantes que os queiran empregar.
Inscríbete para a visita a “Barriga Verde, de Feira en Feira”
A visita é totalmente gratuita, pero é necesario inscribirse para non superar o máximo de 40 persoas. Cubre o seguinte formulario se tes interese en asistir.