O día 19 de xaneiro ás 11 da mañá comezará na Praza de Cervantes un roteiro pola lírica medieval galego-portuguesa en Santiago de Compostela.
Guiados pola profesora Isabel Morán e o profesor José António Souto, co-autores de O amor que eu levei de Santiago, faremos un apaixonante roteiro polo principal centro cultural e político da idade media, percorrendo os espazos das cantigas con Airas Fernándes, Airas Nunes, Bernal de Bonaval, Fernando Esquio, Joam Airas, Joam Vásquez, Pai Gómez, Pedro Amigo, Pero da Ponte, Pero García…
Este libro, no que se basa o roteiro, nace froito dunha colaboración entre coñecida medievalista brasileira Yara Frateschi Vieira, Profesora catedrática de Literatura Portuguesa na Universidade Estadual de Campinas, xunto con Isabel Morán Cabanas e José A. Souto Cabo, docentes da Facultade de Filoloxía da USC, e propón un itinerario por varios sitios citados ou relacionados con cantigas ou autores medievais: Bonaval, Cervantes (antiga praza do Campo), Conxo, Cornes, Mazarelos, Moeda Vella, Preguntoiro, San Martiño Pinario, Salomé, Sar…
Da ficha do libro editado por Toxosoutos extraemos este pequeno texto que nos fai unha composición de lugar
Nos séculos XII e XIII, era determinante o papel de Santiago de Compostela como centro relixioso, político e cultural, funcionando a cidade non só como polo de atracción para as correntes intelectuais e artísticas prevalecentes na Europa, mais tamén como punto de difusión desas mesmas tendencias ou doutras que alí terían encontrado o seu berce. Non é de estrañar que unha boa parte dos trobadores cuxa produción se encontra recollida nos Cancioneiros galego-portugueses estea, dalgunha forma, con ela relacionada. Así, os trobadores máis antigos, unidos entre si por lazos familiares ou por nexos sociais vinculativos, que os caracterizan como un grupo fortemente cohesionado e solidario, remiten a liñaxes poderosas no contexto galego da época: entre elas, ten papel preponderante a estirpe dos Traba, mais hai outras igualmente importantes que lle están asociadas, como os Vélaz, Limia, Celanova-Toroño, Cabrera e Urgell. Con ramificacións e alianzas que se estenden aos outros reinos da Península, esas familias ligábanse intimamente tamén aos círculos do poder real e eclesiástico, con presenza marcante inclusive na comunidade relixiosa do arcebispado de Santiago. Os Cancioneiros rexistran as composicións doutros trobadores pertencentes a liñaxes nobres con propiedades fóra da terra de Santiago, mais que, en gran parte, posuían casas en Compostela, que servirían, dada a importancia política e cultural da cidade, como centro aglutinador para as suas respectivas cortes.
É unha actividade gratuita e para todos os públicos, polo que queremos animarte a participar nela. Podes apuntarte nos eventos creados nas distintas redes sociais, ou aparecer por alí ese día.
O evento en facebook : https://www.facebook.com/events/114784552029694
O evento en Google+ : https://plus.google.com/events/cs8tap6nksv2u5qj1ti61si1u64