O mércores 18 de xuño ás 20h na Casa das Crechas, non te podes perder a presentación de “Non temos medo” de Rodri Suárez, a primeira biografía en galego sobre un grupo de rock, concretamente sobre os poderosos Diplomáticos de Monte Alto cando se cumplen vinte anos daquel movemento coñecido como o Bravú.
Esta será a presentación máis brava que se ten feito en Compostela en moito tempo, coa participación de Roberto Sobrado, cantautor e habitual colaborador d’O Galo, de Rodri Suárez, xornalista e autor desta primeira biografía en galego sobre un grupo de rock, e do xa mítico Xurxo Souto.
Non temos medo
Construído en base ás declaracións dos membros do grupo entrevistados e outras persoas afíns, como Manolo Rivas, Fran Alonso ou Josito Pereito, o libro “Non temos medo. Historia oral de Os Diplomáticos de Monte Alto”. vén a facer xustiza e a situar o movemento Bravú, e aos seus embaixadores máis destacados, por algo chamados os Diplomáticos de Monte Alto, á altura que lle corresponde: o ceo!
Poderosa presentación
Se alguén cre que esta será a típica presentación onde un señor vaia “a falar do seu libro”, erra de cheo. Tamén haberá algo diso, claro, que do libro hai que falar, pero tamén haberá tempo para desfrutar do novo videoclip dos Diplomáticos de Monte Alto, no que as cidades d’A Coruña e Vigo se fusionan deitadas frente o mar, ese camiño.
Ademáis, haberá tempo para a participación do público, que para algo non temos medo, e remataremos cun
Concerto acústico Bravú
Que mellor xeito de rematar esta arroutada que cun concerto acústico con compoñentes dos Diplomáticos de Monte Alto, como Xurxo Souto, Rómulo, o Pulpiño… Idevos preparando para botar o peito cantando e pasalo ben bailando
Temos fame
“Non temos medo, temos fame!” era o poderoso berro da coñecidísima canción “Gaiteiro”. E como sabemos que “o pobre non ten e o rico non dá” este será un acto totalmente aberto e gratuito ata completar o aforo da Casa das Crechas. Alí estará á venda o libro, que vos recomendamos xa que nunca se viu cousa tal.
Vide correctamente alimentados, xa sabedes, parrochas, pan do increible Bestilleiro, churrasco e o afamado viño do Doutor Katanga