O Mércores 14 de maio, ás 20h na Libraría Pedreira a Agrupación Cultural O Galo organiza a presentación do novo libro de Afonso Eiré ‘Eu estaba alí’, un libro para non perder a nosa memoria como pobo.
Eu estaba alí
Este libro é unha implacábel crónica dos principais feitos que no último medio século se produciron na Galiza, escrita por quen estivo presente e os viviu ou sufriu de preto. Unha voz apaixonada que relata en primeira persoa a epopea dun pobo que vai tomando conciencia de seu. Unha homenaxe aos seus protagonistas, case sempre anónimos, sen os cais é imposíbel entender a nosa actualidade.
Uns sucesos contados con detalle e contextualizados para completar a nosa historia. Os pequenos feitos, moitas veces descoñecidos pola maioría, toman grande dimensión nuns “episodios nacionais” que van pasando ante o lector coma unha película na que, moitas veces, se sentirá protagonista.
Un libro que explica o cando e o porqué da última ruptura do BNG, o defenestramento de Cuíña Crespo por Fraga Iribarne ou de Carlos Mella por Barreiro Rivas; logo de repasar desde o asasinato do Piloto, o último guerrilleiro, ás mortes de Amador e Daniel ou de Moncho Reboiras. Pero tamén están presentes as grandes vitorias do nacionalismo: As Encrobas, Baldaio, Xove, A Cota Empresarial, O Xurelo… O Estatuto de Autonomía, o primeiro día do Parlamento…
E tamén o nacemento do BNG, de Nunca Máis, o Primeiro Congreso de Escritores… Ou Episodios como o intento de secuestro de Gómez Franqueira, a disolución do Partido Galeguista, a folga de Galvisa, o ataque da Policía Militar a unha manifestación n’A Coruña ou cando tentan prohibir a manifestación do Día Patria Galega.
Actividade aberta e gratuita
Na presentación de ‘Eu estaba alí’ intervirá o seu autor, Afonso Eiré, e presentará Néstor Rego, socio da Agrupación Cultural O Galo e militante de distintas organizacións nacionalistas.
O acto é aberto e gratuito, polo que estades convidados a participar na presentación e no coloquio posterior