O vindeiro venres, 5 de marzo de 2010, presentaremos a carpeta “Homenaxe a Novoneyra”
Sendo o ano das Letras Galegas 2010 adicado a Uxío Novoneyra, reedítase a carpeta editada orixinalmente pola Agrupación Cultural O Galo na Homenaxe Nacional que organizou en colaboración coa AS-PG no ano 1999, froito do traballo de innumerabeis artistas plásticos, escritores, poetas e xente relacionada co mundo da cultura galega.
Esta reedición ten como obxectivo axudar a recuperar as dependencias da Casa de Novoneyra en Parada do Courel para convertelas nun centro sociocultural, que serva como dependencias para a conservación do legado do autor e como motor para a dinamización dunha zona na que escasean este tipo de iniciativas.
O acto estará dividido en tres partes, comezando cunha presentación audiovisual na que se mesturan algunhas das imaxes dos cadros da carpeta con grabacións de poemas leidos polo propio poeta. Seguiralle unha conferencia a cargo de Uxío Novo, fillo do poeta e director da Fundación Novoneyra, que nos explicará o proxecto de restauración da Casa familiar e as actividades previstas. E finalizaremos o acto cun recital colectivo, no que os e as asistentes ao acto poderán participar facendo lectura dalgún poema de Uxío Novoneyra
Se vos interesa, podedes participar asistindo ao noso local de San Miguel dos Agros, o venres 5 ás 20.00