A Agrupación Cultural O Galo lamenta profundamente o pasamento, hoxe 24 de agosto do 2012, do seu presidente de Honra, Óscar Fernández Refoxo.
Óscar Fernández Refoxo foi fundador da Agrupación no ano 1961 e presidiuna desde o 1991 ata o 2011, ano no que foi nomeado Presidente de Honra da mesma.
Home comprometido e loitador, defendeu sempre activamente a cultura e a lingua galegas así coma o asociacionismo. Participou na fundación da Agrupación Cultural O Galo, primeira iniciativa galega de asociacionismo civil no franquismo e presidiuna durante 20 anos. Na actualidade, e desde o ano pasado, ocupaba a presidencia de honra da entidade, recoñecemento polo seu traballo incansable na agrupación. Ademais de no Galo, colaboraba con moitas outras entidades, por exemplo co Museo do Pobo Galego ou coa Fundación Araguaney, das cales era patrono.
Desde a Agrupación Cultural O Galo lamentan a súa morte e trasládanlle o seu pesar á familia e achegados, a quen lle dan o seu máis sentido pésame. O Galo continuará a traballar pola cultura galega seguindo o camiño que Refoxo comezara aló polos anos 60, no firme convencemento de que é a mellor homenaxe que lle poden facer.