No 125 aniversario do nacemento de Afonso Daniel Rodríguez Castelao a Agrupación Cultural O Galo, xunto coas demáis asociacións da Federación Galiza Cultura, vai realizar un acto de homenaxe ao noso egrexio pensador.
O obxectivo destas actividades é facer visíbel socialmente a importancia de Castelao como figura senlleira da loita e reivindicación de Galiza como nación de seu.
A través de conferencias, actividades lúdicas, exposicións e edición de diversos materiais, pretendemos dar a coñecer a figura de Castelao sen ocultamentos nin manipulacións. Mostrarase Castelao como político, artista plástico, literato, que ten sempre Galiza e a defensa dos seus sinais de identidade nacionais como centro da súa obra.
Os actos de inauguración deste ano 2011 adicado a Castelao, consistirán no despregue dunha faixa conmemorativa desde edificios significativos, e na lectura de textos do político e escritor nacionalista, cheos de plena vixencia, máis de 60 anos despois de seren escritos, tendo lugar o acto central en Santiago de Compostela na Praza do Toural.
O acto consistirá no despregamento dunha faixa conmemorativa, intervención da Presidenta de Galiza Cultura, Mª Pilar García Negro, actuación do cantor Pepe Constenla e leitura de textos por Manuel Domínguez Rial, membro da asociación de emigrantes retornados Marusía