O vindeiro martes 14 de xuño Manuel Gago ofrecerá unha conferencia no noso local social que versará sobre as “Repúblicas de Homes Libres” concepto que o autor está popularizando ao longo da xeografía galega. Do seu blog extraemos o seguinte texto, que pode servir de introducción desta conferencia
Na magnífica tese de doutoramento “La ciudad de Santiago de Compostela en la Alta Edad Media”, que o catedrático da USC Fernando Alsina publicou no ano 1988, aparecen unhas interesantes referencias a esa Outra Idade Media. Cando Alsina tenta comprender como se organiza a futura Terra de Santiago, atopa as referencias aos commissos, aos condados. Os commissos ou territorios correspóndense, no século IX, de xeito máis ou menos similar, coas dióceses das que falaba 400 anos antes o Parrochiale Suevum e coas tribos galaicas das que falaba, 900 anos antes, Plinio o Vello. Entre o Rei de Galicia, León e Asturias e os seus servos eses commissos ou territorios son o único chanzo intermedio. Alsina, na súa investigación, constata con abraio como perviven, case no cambio de milenio, estruturas sociais da época castrexa. E se fixa nun xeito no que se denominan: as respublica ingeniorum.
¿Que quere dicir respublica ingeniorum? Pois dúas cousas ao mesmo tempo: o Goberno ou República dos Homes Libres e o Goberno da Gens, da gran familia. Alsina atopouse que, ao longo de Galicia, cada un deses antigos territorios, como os Praestamarici (o Barbanza) ou os Amaei (actual A Mahía), estaba habitado polos membros dunha única gran familia, é dicir, por individudos vencellados por vínculos de sangue: campesiños libres, sen señor. E que dentro desa gran familia, as casatas designaban aos troncos familiares máis directos. Un home nacía libre dentro dunha casata, e herdaba a liberdade. Tamén había algunhas casatas de servos, que herdaban escravitude. A cada gens lle correspondía un territorio, e se puñan trabas aos seus membros para que se mudaran del. Boa parte dos galegos de aquela eran libres, aínda que non saibamos precisar que quería dicir iso. E suponse que a liberdade non quería dicir, necesariamente, boa posición económica. Podías ser pobre como as ratas e libre coma o vento. Podían participar en asembleas de xustiza e ter propiedades, aínda que moitas veces estaban ao servizo dun gran señor sen perder o carácter de libre. Entre eles e o Rei só había un funcionario intermedio á cabeza do commisus ou territorio. Contra o século IX, polo pouco que sabemos, as cousas comezaron a cambiar, e a diferencia social puido facerse maior.