Xul 132015
 2015-07-13T14:46:13+00:00
As Asociacións O Galo e Vagalumes, enmarcadas dentro da federación GALIZA CULTURA, veñen celebrando este acto de irmandade entre natureza e cultura desde que se conmemorou no 2011 o 125 aniversario de Castelao co total desprezo por parte da Xunta e demais institucións galegas. O acto consiste na lectura pública do ALBA DE GLORIA de Castelao desde o cumio do Pico Sacro, espazo simbólico no que a terra se fai espírito e que a cultura do noso pobo recubriu de significados ao longo dos séculos. Rememoramos á xeración do Seminario de Estudos Galegos que reparou neste lugar emblemático, visitou e estudou, amosando unha actitude intelectual de interese e respecto polo propio que contrasta cos valores que agora se están a transmitir de fascinación provinciana polo alleo.
alba de gloria_2015Seguimos a estela de Castelao quen acudiu en peregrinación até este lugar no 1925, cando unha ditadura impedía celebrar como se debera a festa nacional, e volveu imaxinariamente sobre el, desde o exilio, ao construír unha das súas pezas ensaísticas e literarias máis profunda, o “Alba de gloria”, discurso de celebración do día da patria galega. Para el era un lugar no que a resistencia do terreo a ser estepa, inspiraba a quen acreditaba en que o noso ser diferencial non ía ser borrado pola enxurrada reaccionario de entón. Por iso queremos render homenaxe a Castelao as asociacións culturais galegas porque queremos volver sobre os seus pasos físicos e intelectuais e homenaxear a este creador comprometido co seu pobo. Lembrar e retomar unha tradición que apesares das circunstancias conxunturais adversas porfía en alumear un futuro mellor, unha alba de gloria para Galiza e a súa cultura.
 Calros Solla, a máxia das montañas do Seixo ao Pico Sacro 
Por iso este ano 2015 volvemos un ano máis a dar lectura ao Alba de Gloria no Pico. Desta volta contando coa presenza do poeta e investigador cerdedense Calros Solla, quen se ten caracterizado pola defensa do noso patrimonio material e inmaterial, estudando as nosas montañas sagradas, concretamente, o monte do Seixo, desvelándonos o significado que se agocha tras cada lenda e cada pedra deste santuario montesío, como un mapa para entender os ritos que aquí se levan a cabo, para desvelar as antigas celebracións precristiás e para descubri-la presenza dos vellos deuses
PROGRAMA:
12.00h. Benvida  a cargo do escritor Calros Solla e a continuación subida ao cumio do Pico Sacro (o último treito).
13:00h.:  Izado da bandeira por membros das Asociacións Culturais promotoras do acto “Vagalumes” de A Estrada e “O Galo” de Santiago.
De seguido lectura de Alba Groria de Castelao  por parte de representantes da A.C. O Galo de Santiago, de  A.C. Vagalumes da Estrada, e das asociacións de Boqueixón e Vedra.
Himno Galego. Co gaiteiro Raúl Galego.
13:30h.:  Baixada do Pico Sagro mentres se explica a súa lenda, historia e valor natural  a cargo de Yolanda Aldrey da Asociación A Granxa do Pico Sacro.
14:00h.: Actuación no adro da capela do Pico Sagro, dos cantautores Mini e Mero.
14:45h.: Xantar en: “Casa Castro”. Menú 10 €. Anotarse nesta ligazón

Roteiro polas terras do Ulla

Guia Iolanda Aldrei

As persoas que non acudisen ás actividades de pola mañá, poden sumarse a este roteiro en calquera punto do seu percorrido.

  • 16:15h.: Saída desde “Casa Castro” en Sergude  para Ponteledesma. Deixaranse a metade dos coches en Casa Castro.
  • 16:30h.:  Ponteledesma: Ponte (s.XVI), pedra do fielato, o rio e as ínsuas cos seus fieitos arbustivos, carballos centenarios, loureiros, etc. Logo iremos nos autos ata Donas (4km).
  • 17: 45h.:  Donas, a parroquia mais pequena de Galiza. Seguiremos parte do roteiro dos pescadores e ollaremos a Casa Grande, a fervenza das tres caídas e a burga de augas mineiro-medicinais (moi acaidas para a pel).  Logo iremos nos autos ata Codeso (3km).
  • 19:00h.:  Codeso. Na área de S. Paio veremos a ermida (s.XVIII), e ao lonxe, na serra, a dor da pedra: as grandes canteiras do Serrabal, nas que cada día se fende o seixo. Desde a capela de S. Paio baixaremos (2 km) pola beira do rio Grande pasando por un bosque de ribeira e por tres muíños restaurados; observaremos a fauna, a flora e plantas de cultivo que medran salvaxes (liño). Remataremos ante dúas fermosísimas fervenzas.

Se alguén o desexa, ten a oportunidade de asistir á Romaría da Fervenza que comeza encol ás 21:00h. Celébrase ao carón da ermida de S. Paio e nela participan varios grupos de música popular, que, como todos os desta zona, son mestres na interpretación coa requinta.